Sunday 19 de May de 2024

Quince elaboracións culinarias integran a segunda edición do receitario da Pobra


A gastronomía eríxese como un potente recurso turístico da Pobra do Caramiñal, onde os produtos do mar son os grandes protagonistas das elaboracións que saen dos fogóns dos restaurantes. Por iso, a Concellaría do Turismo lanza a segunda edición do receitario Da praia ó prato; unha mostra do que se pode degustar na hostalaría local para así, nas palabras da edil Estefanía Ramos, “dar a coñece-los produtos tan marabillosos e de tanta calidade culinaria que nos proporcionan os nosos mares, os nosos mercados e as nosas praias”, ao tempo que se valoriza o bo facer dos restaurantes aquí presentes.
De feito, as quince receitas que no total integran esta nova remesa proporcionáronas once locais colaboradores: O Xanxo, A Batea do Castelo, A Casa de Manuel, Casa Manolo, El Olivo Blanco, Hotel Cabío, Mesón O Facho, Nojira, O Malecón, Sisal e Tertulia no Laño.
As técnicas municipais do Turismo, Ángeles Tubío e Sara Sánchez, tamén asistiron ao Xanxo, lugar onde tivo lugar o acto de presentación da reedición. Tubío explicou que esta iniciativa xurdiu como complemento do obradoiro de marisqueo a pé destinado a escolares e turistas, se ben o receitario tamén se distribuirá en feiras gastronómicas como Xantar, que se desenvolve en Ourense no mes de novembro; na propia oficina do turismo; nos restaurantes colaboradores; e no resto de locais que o soliciten.
Berberechos, ameixas, mexillóns, vieiras, navallas, ostras, centola, bacallau ou pescada son a materia dos pratos que compoñen o documento.
Os mexillóns en escabeche caseiro son a proposta do Xanxo. O seu propietario, Xanxo del Puerto, sinalou que se trata dunha receita sinxela cun resultado “de gran calidade e saboroso.” Tamén cualificou positivamente a súa experiencia neste proxecto ao “dar a coñecer moitos dos pratos típicos da zona e poñer en valor os nosos produtos” con distinguidas características alimenticias e sabor.